Clausura do ciclo Música no Camiño

0
393

«Música no Camiño» remata co concerto da Banda Sinfónica Galega na Cidade da Cultura

O ciclo de concertos de bandas de música populares que se veu desenvolvendo dende comezos de agosto en Compostela, remata o domingo 3 de setembro coa actuación da BANDA SINFÓNICA GALEGA, ás 19.30 h no Museo Centro Gaiás, na Cidade da Cultura (Santiago de Compostela).

Organizado pola Federación Galega de Bandas de Música Populares co apoio de Turismo de Galicia, ofrecerá un interesante programa musical formado por obras orixinais para banda compostas neste século XXI e que se basean en músicas clásicas ou folclóricas máis antigas pero cunha visión renovada. 

O concerto correrá a cargo de 63 músicos dirixidos polo mestre David Fiuza e pertencentes a 30 bandas de música populares galegas que estiveron a longo desta semana realizando unha concentración en Ourense na que estudar e ensaiar o programa que interpretarán na Cidade da Cultura.

Esta actuación poñerá o peche ao ciclo «Música no Camiño» que busca dar a coñecer a labor social, cultural e formativa das bandas populares e a enorme tradición existente en Galicia entre turistas, peregrinos e público en xeral.

HORA DO CONCERTO: 19.30 h.

ENTRADA DE BALDE

PLANTA -1, MUSEO CENTRO GAIÁS (CIDADE DA CULTURA)

Banda Sinfónica Galega

Fundada no ano 2000 pola Federación Galega de Bandas como a agrupación representativa das bandas de música populares, a Banda Sinfónica Galega (BSG) ten percorrido un longo camiño, ofrecendo ducias de concertos en toda a xeografía galega. A BSG acolle a músicos cuxas idades van desde os 16 aos 30 anos, maioritariamente procedentes de bandas populares galegas, e que participan nela de forma voluntaria.

A principal misión da BSG é crear un espazo de intercambio e aprendizaxe, onde músicos de diversas formacións galegas poidan colaborar. Anualmente, a banda desenvolve un proxecto que abarca varios días, promovendo a convivencia, os ensaios e a interpretación en concertos abertos ao público e de balde.

Dende a súa creación en 2000, a BSG acumulou un impresionante historial de actuacións, incluíndo a estrea de moitas obras premiadas no Concurso Galego de Composición. No verán de 2022, a BSG tivo a honra de representar as bandas de música populares galegas na Young Generation do World Music Contest en Kerkrade, Países Baixos, tras ser convidada pola organización como entidade representativa das bandas de música populares galegas. Tamén no mes de decembro de 2022, a BSG uniu forzas coa Banda Municipal de Santiago de Compostela nun emocionante concerto conxunto.

A batuta da BSG está nas expertas mans do mestre cruceño David Fiuza, quen tamén exerce como Director titular da Gran Canaria Wind Orchestra e da Banda Municipal de Música de Santiago de Compostela.

Programa – Concert program

Título – TitleCompositor – Composer
Echoes of San MarcoJohan de Meij
Suite DreamsSteven Bryant
Wer ist Elise?Johannes Stert
Echo-SystemTheo Schmitt
The Nutcracker FantasyYo Goto
MuiñozartÁngel Antonio Montes Abalde

Este programa nace con pretensións pedagóxicas tanto para os músicos como para o público, con obras orixinais para banda compostas neste século XXI, sendo a maioría delas estreas en Galicia.

Todas as obras se basean en músicas clásicas ou folclóricas máis antigas pero cunha visión renovada coa sonoridade e a linguaxe moderna que se utiliza nas bandas de mñúsica actuais. O programa divídese en dúas partes simétricas, sendo a segunda é un paralelismo da primeira.

PARTE I

Echoes of San Marco é unha obra baseada nas canzons de Gabrieli, quen se inspirou na arquitectura da Basílica de San Marco (Venecia) para crear pequenos grupos de cámara que se colocaban en distintos palcos da catedral para producir a famosa policolaridade típica da época. Esta obra é unha recreación con banda moderna.

A seguinte obra, do americano Steven Bryant, titúlase Suite Dreams facendo un xogo de palabras entre «sweet dreams» (dulces soños), e «suite» como termo musical. Sobre a Primeira Suite de Holst, unha das obras máis importantes do repertorio de banda, o compositor fai unha ensoñación con ideas recurrentes e aparentemente desordenadas, e vaise creando unha atmosfera que nos leva a pensar de forma compulsiva na obra de Holst.

A continuación empeza o piano tocando o «Para Elisa» de Beethoven e acto seguido enlazamos coa obra Wer ist Elise? (Onde está Elisa?) que trata á maneira da ópera en escenas e teatros, recrear distintos ambientes modernos de como entender a música que Beethoven escribiu.

PARTE II

Echo-System é unha experiencia sonora e un himno á natureza onde os instrumentistas imitan o nacemento e a evolución dun ecosistema. Os motivos curtos xorden e desencadean patróns orgánicos, resoando ao redor do público a través de diferentes grupos de músicos. As liñas independentes avanzan ata acadar un punto de sincronización onde se atopa unha sensación de equilibrio, mais rapidamente aparece un elemento perturbador (o ser humano) que rompe este equilibrio e destrúe o ecosistema enteiro. Entón, o movemento lento describe o baleiro deste mundo extinguido. Ao final, con todo, os motivos curtos reaparecen e comeza a nacer un novo ecosistema, honrando a incrible capacidade da natureza de renacer e de refacer vida, pase o que pase.

A continuación está presente a composición asiática para banda, tan importante neste século XXI, a través dunha fantasía do «Crebanoces» de Chaikovskii, coa composición The nutcracker fantasy do xaponés Yo Goto.

Para rematar, ao piano interpretarase a Marcha turca de Mozart, que irá enlazada con Muiñozart, muiñeira do compositor galego Ángel Montes inspirada nesta famosa obra.

DEJA UNA RESPUESTA

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí