A XUNTA DÁ O VISTO BO Á POSTA EN MARCHA DO CENTRO DE ENSINANZAS SUPERIORES DE MÚSICA NO VINDEIRO CURSO 2019/2020

0
479

– O Diario Oficial de Galicia publicará nun prazo de 15 días o informe favorable emitido pola Consellería de Educación

– Mañá abrirase a inscrición para realizar as probas de acceso ao centro, que terá arredor de 30 mestres e un máximo de 120 alumnos

presentaciónConservatorio2

Valga, 31 de xullo de 2019. 

O Centro de Ensinanzas Superiores de Música de Valga comezará a funcionar no mes de setembro nas dependencias do Auditorio Municipal. Será o terceiro de toda Galicia autorizado pola Xunta, despois dos da Coruña e Vigo. Así o anunciaron esta mañá o alcalde, José María Bello Maneiro, a concelleira responsable da Escola de Música, Malena Isorna, que compareceron acompañados por María Jesús Rey, respresentante da empresa xestora (Galival Música), e Manuel Villar e Pere Molina, responsables técnicos do centro.

Para o alcalde é “un orgullo e unha satisfacción” que Valga vaia a situarse ao nivel das grandes cidades de Galicia no que a ensinanzas musicais e cultura se refire e fixo fincapé en que, “xa cando se construíu o Auditorio, se deixaron preparadas unhas instalacións que no seu día puideran acoller un centro destas características. Podería parecer unha tolería naquel momento, pero ese día chegou”. O rexedor explicou que o Diario Oficial de Galicia publicará nun prazo de quince días o informe favorable emitido pola Xunta de Galicia. 

O expediente para poder contar en Valga cun Centro de Ensinanzas Superiores de Música iniciouse no pasado mes de xaneiro, cando o pleno aprobou a constitución dunha Comisión Informativa Especial para estudar a súa viabilidade. En marzo aprobouse inicialmente a memoria técnica e, tras un período de exposición pública sen alegacións, en abril este documento quedou aprobado definitivamente. Dende entón, leváronse a cabo por parte do Concello unha serie de xestións ante departamentos como a Dirección Xeral de Educación e a Dirección Xeral de Centros, da Consellería de Educación, que culminaron nos últimos días coa emisión do informe favorable. 

O centro ofertará na súa primeira etapa un máximo de 120 prazas e “beberá dos centros profesionais que ten na súa contorna, como os da Estrada, Vilagarcía, Cambados, Noia, Ribeira ou Pontevedra”, pero tamén se abrirá a alumnado “de toda Galicia, de España e do mundo”, explicaron Manuel Villar e Pere Molina. Mañá abrirase o período de inscrición –a través da páxina web www.csmgalicia.com–, que será gratuíta para as primeiras vinte persoas e en setembro realizaranse as probas de acceso. 

Contará cunha trintena de profesores titulados e impartirá todas as especialidades musicais divididas en cinco departamentos: Pedagoxía, Dirección, Composición, Xestión de eventos, Musicoloxía e Interpretación. No caso da Dirección, actualmente esta titulación só se pode acadar no Conservatorio da Coruña, polo que o de Valga será o segundo de toda Galicia que a oferte. Tamén se impartirán Música Popular e Música Moderna.

Villar Touceda destacou que Valga “sempre apostou pola educación, a música e a cultura. Contamos xa con 23 anos de traballo neste ámbito, dende que se puxo en funcionamento a Escola Municipal de Música e iso permitiunos ter ao noso arredor grandes profesionais e contar con alumnado que pasou polos centros superiores de Cataluña, Madrid, Ginebra, Amsterdam… Estes grandes músicos levaron á nosa agrupación estrela, a Banda Municipal, a conquistar importantes premios” como o Certame Galego de Bandas de 2018. “Ter este Centro de Ensinanzas Superiores representa un novo éxito”, engadiu.

DEJA UNA RESPUESTA

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí