A Banda Municipal de Santiago presenta un libro que homenaxea aos músicos xubilados da formación

0
845

Presentación do libro «Re-encontros musicais»Foto de familia cos músicos homenaxeados e a Banda actualPortada do libro

26/01/2022 A concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presentaron o libro ‘Re-encontros musicais. Homenaxe aos músicos xubilados da BMSC (1993-2021)’; acompañados dos seus autores, Carlos Cabaleiro e Judith Rey; e do director da Banda, David Fiuza. Rosón uniuse á homenaxe agradecendo aos músicos retirados que asistiron ao acto, «a defensa que sempre fixeron pola nosa banda».A concelleira Mercedes Rosón recordou que se trata «dun día moi feliz» xa que «o libro estará finalmente dispoñible nas librarías tras varios retrasos por mor da COVID». Tamén aproveitou a ocasión, para agradecer a colaboración da Xunta de Galicia e recoñecer a «capacidade de iniciativa e o esforzo» dos seus autores e membros da Banda, Carlos Cabaleiro e Judith Rey, para poñer voz á historia da formación. A presentación, que tivo lugar na Sala Mozart do Auditorio de Galicia, tamén contou coa presenza da Banda Municipal que tocou unha peza como peche.

Na mesma liña, o secretario de xeral de Política Lingüística sumouse á homenaxe recordando a importancia de «apostar pola música nun tempo no que ser músico profesional non era fácil». Ademáis, Valentín García salientou como esta publicación ten unha dobre finalidade: «deixar constancia do que se fixo pero tamén animar á xente nova a achegarse á música e á cultura».

David Fiuza, director da BMSC, explicou que o libro presenta «un contido de grande interese histórico e institucional e ademais está moi ben plasmado». Por esta razón, Fiuza animou a que tódalas persoas, independientemente do seu nivel de coñecemento musical, se acheguen ao libro para «coñecer a profesión de músico e o seu contexto».

Re-encontros musicais

O libro «Re-encontros musicais» é unha compilación de entrevistas, anecdotario e contido fotográfico, que pretende ofrecer un percorrido biográfico, en orde cronolóxica segundo a súa data de nacemento, dos profesores xubilados da BMSC entre os anos 1993 e 2021. Trátase dunha narración das súas vivencias, experiencias, carencias, familias…en definitiva, das súas vidas como músicos profesionais da Banda Municipal nunha época histórica complicada.

Os autores do libro son dous profesores músicos da BMSC: Judith Rey Iglesias e Carlos Cabaleiro López, que levaron a cabo a rigorosa tarefa de dar a voz á historia da institución a través dos músicos Jesús Constenla Gómez, Manuel Curros Brey, Olimpio Carreira Rodríguez, Manuel Brea Lamas, Emilio Brun Pena, Manuel Requeijo Porto, Luis Castromil Veiras, Ricardo Fernández Pereira, Fernando Gontad Losada, Enrique Melio Rey, Cesáreo Pombo Cabanas, Rafael Arosa Souto, Guillermo Pérez Barredo, Daniel Sánchez Barrán, Albino Castro Martínez, Serafín Castro Martínez, e por suposto, o Mestre Amador Santos Bartolomé.

DEJA UNA RESPUESTA

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí