A Banda Municipal de Música Santiago Compostela arranca unha nova tempada baixo o título ‘Postais’

0
307

 ‘Postais’ é o título da nova tempada de concertos da Banda de Música Municipal de Santiago que se desenvolverán ata o próximo mes de decembro no Teatro Principal e no Auditorio de Galicia. Este primeiro ciclo de 9 concertos arrancará este domingo ás 12:00 no Teatro Principal coa proposta «dende a orixe».A concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao, acompañado polo director da BMSC, David Fiuza, presentaron esta mañá a programación do primeiro ciclo da nova tempada 2023-2024 da Banda Municipal de Santiago, que baixo o título ‘Postais’ ofrecerá un total de nove concertos ao longo dos meses de outubro, novembro e decembro.

A concelleira de Capital Cultural salientou que co programa ‘Postais’ «pretendemos viaxar desde Compostela a través da música» e adiantou que «en cada un dos concertos entregaráselle ao público unha postal, que contará no lado ilustrado cunha fotografía de Alejandro Piñeiro inspirada no contido musical e no repertorio da obra, que estará recollido no outro lado da postal».

Míriam Louzao tamén anunciou que os concertos «rematarán todos cunha obra galega para tamén dar a coñecer e divulgar o noso patrimonio cultural» e que «os compositores e solistas da formación terán gran protagonismo, xunto con directores e solistas convidados». Tamén subliñou a aposta da formación pola «colaboración co Conservatorio Profesional de Música, coa Federación de Bandas e con diferentes agrupacións musicais».

Por último, a edila convidou á toda a veciñanza a asistir aos concertos, e de forma especial a «aquelas persoas que non van tan a miúdo ou que incluso nunca foron», porque «será un descubrimento».

Este primeiro ciclo programará 9 concertos dende outubro ata decembro e inaugurarase o vindeiro domingo 8 de outubro cun proposta a modo de postal que chega «dende a orixe», dirixido por David Fiuza e coa actuación da óboe solista Lidia Iglesias Vaamonde, no que se interpretará un repertorio clásico do século XIX que percorrerá diferentes lugares do mundo e que rematará cunha composición do galego Xoán Montes.

O director da BMSC, David Fiuza, tamén avanzou a estrea da obra ‘Samaín’ do compositor galego Sergio Rodríguez e a actuación do trombista Sergio Manteiga, gañador do X Concurso de Xóvenes Solistas, organizado pola BMSC en colaboración co Conservatorio Profesional de Música de Santiago. Este trimestre tamén haberá oco para concertos para o público familiar, unha homenaxe ao cineasta Hans Richter coindindo co festival de Cineuropa e o lanzamento da segunda edición do Concurso de Dirección da Banda Muncipal de Santiago. Este ciclo pecharase o 22 de decembro co tradicional concerto de Nadal que terá lugar no Auditorio de Galicia.

DEJA UNA RESPUESTA

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí