A Banda Municipal de Música inicia o terceiro ciclo de «SonArte» dedicado á conexión con outras músicas

0
559

Baixo o título «Músicas Abertas» arranca o terceiro ciclo de Sonarte, que ofrecerá de aquí a xuño once concertos ao aire libre no que a música sinfónica se mesturará con outros estilos musicais como a ópera, o house, o jazz ou o folk. SonArte é o título da tempada 2022-2023 de concertos da Banda de Música Municipal de Santiago que arrancou o pasado mes de outubro e que se estenderá ata xullo deste ano 2023, no que se celebra 175 aniversario da súa fundación.A concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, e o director da BMSC, David Fiuza, presentaron esta mañá a programación do terceiro ciclo do programa ‘SonArte’ que arrancou o pasado mes de outubro, e co que a Banda pretende conectar a música con outras artes, dedicando cada mes da tempada a unha disciplina diferente.

Este terceiro ciclo, que ten por título «Músicas abertas», vai poñer o foco na música, cunha programación que abrangue diversos estilos de músicas, abertas a fusionarse e a conversar en harmonía, conciliando un amplo espectro de gustos e tendencias. Ademais, o concepto de «músicas abertas» tamén alude ao feito de que a música da Banda volverá ás rúas da cidade, xa que vai ser interpretado na súa totalidade ao aire libre, nas prazas de Praterías, Quintana e Obradoiro, sempre que o clima o permite.

«Músicas abertas» propón un total de 11 concertos, cun nutrido repertorio que tamén busca conexións con outros artistas e institucións. Este novo ciclo arrancará o vindeiro 18 de maio, no marco das Festas da Ascensión, co concerto «Música da nosa», un programa de música folclórica galega que unirá á agrupación folclórica Colexiata do Sar coa Banda Municipal, para darlle unha dimensión sinfónica ao repertorio tradicional.

Tamén dentro das Festas da Ascensión, a BMSC e o artista dixital multidisciplinar Pere Vicalet ofrecerán o concerto «DJ’sinfónico» que conciliará música house, dance ou techno co sinfonismo, creando un singular e interesante resultado estilístico. Este espectáculo terá lugar o 21 de maio ás 19:00 h na praza da Quintana.

O mes de xuño traerá catro novos espectáculos que fusionan música sinfónica con outro tipo de estilos. Arrancará con «Ópera na rúa», o 1 de xuño, unha colaboración da BMSC cos Amigos da Ópera de Santiago de Compostela, no marco das Xornadas de Música Contemporánea de Santiago, na que se interpretarán as suites sinfónicas da «Ópera dos 3 peniques» de Kurt Weille «María de Buenos Aires» de Astor Piazzolla; para continuar o 8 de xuño cunha colaboración co recoñecido artista Antón Reixa que presentará a performance «Un acompañante por paciente e non viceversa» na praza do Obradoiro, no marco do Festival Plataforma de artes performativas.

A praza de Praterías acollerá outros tres concertos durante o mes de xuño: o día 15 terá lugar o concerto «Réquiem solidario» con motivo do Día Mundial dos Refuxiados; o 22 de xuño, un programa de pezas coñecidas polo gran público, baixo o título «Grandes melodías coa BMSC» e o día 29 «Musimetraxes», un programa que ten por obxectivo estimular as mentes dos oíntes a través da imaxinación traendo pezas dalgúns dos filmes universais máis coñecidos, escritos por John Williams, Nino Rota ou Charles Chaplin.

Xa no mes de xullo, a BMSC ofrecerá catro novos concertos: «Da terra á banda» co director convidado Diego Garrido do KONINKLIJK CONSERVATORIUM DEN HAAG (Países Baixos), froito dun convenio de colaboración entre a Universidade da Haia e a Banda Municipal, que terá lugar o 6 de xullo; «Gran Vía vs Broadway», o 13 de xullo, cun programa que entretece a vía madrileña, berce da zarzuela, cos musicais de Broadway que durante o século XX se desenvolven nos Estados Unidos e se comercializan en todo o planeta. O 20 de xullo, no concerto «Tarde de baile coa BMSC», a Banda e o emerxente artista Antonio Barros, ofrecerán un repertorio de merengues, cumbias, pasodobles e diversas músicas que soan en verbenas e salóns de baile cun programa pezas famosas que todo o público ten bailado.

Como peche ao terceiro ciclo, a Europejska Orikestra únese á BMSC cunha proposta que recolle folclores de diversos lugares de Europa, transformados ao mundo sinfónico cunha lectura en clave de jazz. Este concerto terá lugar o 27 de xullo ás 21:00 h na praza da Quintana, no marco das Festas do Apóstolo.

DEJA UNA RESPUESTA

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí