XURADO DA VII EDICIÓN DOS PREMIOS MARTÍN CÓDAX DA MÚSICA

0
1014

O pasado luns 6 de abril celebrouse de xeito telemático a xornada de deliberación do xurado profesional escollido pola xunta directiva de MÚSICAS AO VIVO para decidir os proxectos finalistas desta VII edición dos Premios Martín Códax da Música.

O xurado foi o encargado da primeira selección de entre as 581 propostas recibidas nesta sétima edición, escollendo os 60 proxectos finalistas seguindo o proceso establecido dentro das normas do certame.

Co obxectivo de velar pola lexitimidade e coherencia da convocatoria, a composición do xurado foi secreta durante o proceso de votación, mesmo para os propios integrantes do xurado, ata o día da xornada de deliberación.

A asociación MÚSICAS AO VIVO designou ao seguinte xurado:

  • Xose Miguélez, considerado un dos saxofonistas de jazz máis destacados da puxante nova xeración de músicos/as galegos/as, Xosé Miguélez, ademais, imparte aulas de música tradicional galega e iniciación ao jazz no «Conservatorio profesional de música de Vigo».
  • Anxela Baltar, cantante, guitarrista e compositora en BALA, traballadora na produción e comunicación en I Wanna Management, é tamén vogal da Asociación MIM. Acumula dez anos de experiencia na xestión cultural en diversos proxectos (WOS Festival, Matapadre, etc.).
  • Patricia Cupeiro, doutora en Historia da Arte e da Música pola USC. Titulada en canto e en guitarra nos Conservatorios de Ferrol e Santiago de Compostela. Foi profesora de linguaxe musical e canto en diversas escolas. Actualmente desenvolve a súa traxectoria profesional vencellada á docencia, á investigación, á xestión cultural e integra varios proxectos de música vocal
  • Belén Regueira, xornalista pioneira na comunicación musical galega. Presentou na TVG o programa musical “Chambo”, na Radio Galega dirixiu o espazo “Extrarradio” que promoveu o concurso de cancións “A polo ghit” e nos últimos anos realizou diversa información cultural.
  • Julio Gómez, historiador, crítico musical e investigador sonoro de formación; programador, xestor cultural e Técnico Superior en Prevención de Riscos Laborais na produción cultural como actividades profesionais. Fundador da promotora e tenda de discos Sinsalaudio, dende o ano 2003 realiza o recoñecido Festival Sinsal. Colabora con diversas institucións culturais e participa cada ano en encontros de xestión cultural e congresos profesionais en Italia, Finlandia, Portugal, México, etc.

Desde o inicio da crise sanitaria, MÚSICAS AO VIVO está a traballar nunha nova planificación do calendario dos PREMIOS MARTÍN CÓDAX DA MÚSICA, co obxectivo de reubicar as principais celebracións desta VII edición do certame. Así, decidiuse continuar o proceso online dentro das datas previstas, e adiar as celebracións presenciais ao outono deste ano, se as circunstancias o permiten e adaptándonos sempre á normativa vixente nese momento.

Entre o 20 de abril e o 3 de maio realizarase a segunda rolda de votacións online na que as socias e socios de MAV poderán decidir os proxectos premiados, tal como estaba marcado no calendario inicial.

DEJA UNA RESPUESTA

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí