A BANDA SINFÓNICA GALEGA PARTICIPA NOS PAÍSES BAIXOS REPRESENTANDO ÁS BANDAS DE MÚSICA POPULARES GALEGAS

0
300

Convidada pola organización, participa fóra de competición no WMC Kerkrade 2022, considerado o concurso mundial máis importante adicado a este tipo de formacións e que se celebra cada catro anos.

Os 63 músicos da comitiva están dirixidos polo mestre cruceño David Fiuza e pertencen a máis de 30 formacións galegas. Dende o luns e ata o venres estarán aloxados na Abadía de Rolduc (Países Baixos) nunha semana de formación, ensaios e concertos xunto cunha agrupación francesa, a Union Musicale des Landes, e o seu mestre Bart Picqueur.

Mañá xoves 14 de xullo a Banda Sinfónica Galega dará un concerto na vila de Vaals, co seguinte programa no que combinarán obras francesas como Histoires Landaises de Bart Picqueur, con outras obras de inspiración galega como a Sinfonietta Galaica de Nelson Jesus, ou Exilieta do compositor rianxeiro Antón Alcalde, actuando como solista coa gaita José Manuel López «Josele».

O venres 15 de xullo rematará esta xuntanza englobada dentro do WMC Young Generation 2022 cun concerto conxunto das bandas francesa e galega, que poñerán enriba do escenario de Kerkrade o bo facer dun cento de músicos coa interpretación de obras do afamado compositor Johan de Meij, co que tiveron a oportunidade de ensaiar neste encontro.

Este proxecto levado a cabo pola Federación Galega de Bandas de Música Populares conta co apoio da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades a través da AGADIC e da Axencia Turismo de Galicia.

+ info:

Facebook FGBMP https://gl-es.facebook.com/FGBMP/

Instagram FGBMP https://www.instagram.com/fgbmp/

Twitter FGBMP https://www.twitter.com/FGBMP

WMC Kerkrade https://wmc.nl/

DEJA UNA RESPUESTA

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí