Home EDICIONS NACIONALS GALICIA Rolda de prensa de presentación do VIII Certame Galego

GALEGOA Federación Galega de Bandas de Música Populares (FGBMP) e máis o Concello de Santiago organizan por oitavo ano consecutivo o Certame Galego de Bandas de Música, co patrocinio da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) e a colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. O certame terá lugar no Auditorio de Galicia en Santiago de Compostela o sábado 15 e o domingo 16.

O Certame foi presentado o 5 de novembro no Pazo de Raxoi pola concelleira de Cultura e Patrimonio de Santiago, María Antón, o presidente da FGBMP, Armando Morales e polo secretario da mesma, José Lodeiro. Durante o acto Antón destacou que “Santiago vive a música dunha forma especial” e sostivo que o Certame pon de manifesto a importancia da música en Galicia á vez que funciona como “o primeiro lugar onde os intérpretes galegos teñen a oportunidade de amosa a súa aprendizaxe”. Pola súa banda, Morales sinalou que as bandas de música son un gran espazo de convivencia entre distintas xeracións, mentres que Lodeiro declarou que o principal obxectivo do certame é “aumentar a cultura musical galega”.

O Certame reunirá a 11 bandas de música, que competirán entre si en tres seccións, cinco bandas na terceira, catro na segunda, e dúas na primeira, en función do número de músicos que as conforman. Así, na sección terceira participarán as bandas formadas por ata 50 músicos, na segunda, as que conten con entre 51 e 70 membros, e na primeira as cinco bandas compostas por máis de 71 músicos. O sábado levarase a cabo a competición na sección terceira. Mentres que o domingo, competirán as bandas da sección segunda e máis de primeira sección.

As 11 participantes do Certame

Na sección terceira abrirá a competición a Banda de Música Municipal de Silleda, seguida pola Banda de Música A Lira de Ribadavia, a Banda da Escola de Música de Rianxo, a Unión Musical de Cabral e pechando a sección a Banda da Asociación Cultural e Musical Solfa. Pola súa banda, a concurso na sección segunda comezará coa actuación da Asociación Músico-Cultural de Ribadumia, á cal seguirá a Banda de Música Xuvenil de Xinzo, a Xove Banda de Narón, e, pechando a competición na sección, a Banda de Música Municipal de Agolada. Xa para rematar o concurso, na sección primeira competirán a Banda de Música Cultural de Teo e a Banda de Música Municipal de Caldas de Reis.

As bandas participantes tocarán unha obra obrigada, a mesma para todos os membros de cada sección, un pasodobre e unha obra libre. As 11 actuacións serán valoradas por un xurado composto por cinco profesionais de contrastada traxectoria no mundo da música popular que determinará o podio en cada unha das seccións. O xurado valorará afinación, sonoridade, interpretación e técnica de cada unha das bandas participantes, tanto na obra de carácter obrigatorio como na libre, dando a coñecer o seu veredicto na sección terceira ao rematar a xornada do sábado e o da segunda e máis da primeira ao remate da competición o domingo. Acto seguido faranse entrega dos premios do certame así como os do VII Concurso Galego de Composición. No tocante a este último, o presidente da FGBMP sinalou que é fundamental para a nosa cultura polo “legado artístico-musical” que produce ao fomentar a aparición de novos compositores.

Consolídase así, un certame que xa é unha cita anual obrigada dentro do panorama cultural galego, cuxos principais obxectivos son achegar a música á cidadanía, apoiar a formación de novos talentos no ámbito musical e manter viva a importantísima tradición musical galega, posibilitando que máis dun milleiro de músicos chegados dende toda a nosa xeografía compartan paixón e experiencias durante dous intensos días.

Deja un comentario