Home EDICIONS NACIONALS GALICIA O primeiro premio en 1ª sección no VIII Certame Galego para a...

O VIII Certame Galego contou na sección primeira (bandas participantes con máis de 70 músicos) coa Banda de Música Cultural de Teo e a Banda de Música Municipal de Caldas de Reis.

Este evento, organizado pola Federación Galega de Bandas de Música Populares (FGBMP), co patrocinio de AGADIC, tivo lugar o domingo 16 de novembro no Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela.

A Banda de Música Cultural de Teo, dirixida por Álvaro Varela venceu na sección primeira con 281 puntos, fronte aos 274 puntos acadados pola outra participante, a Banda de Música Municipal de Caldas de Reis, que ademais foi recoñecida co premio á mellor interpretación dunha obra de temática galega.

O xurado composto por Indalecio Fernández Groba, Francisco Ferreira, Sixto Herrero, Rafael Rosell e Xosé Carlos Seráns, anunciou o seu veredicto ás 22.30 h. tras valorar afinación, sonoridade, interpretación e técnica de cada unha das bandas participantes nas seccións segunda e primeira.

As bandas interpretaron un pasodobre (non competitivo), unha obra libre e unha obra de carácter obrigatorio: Na Galiza, de Paulino Pereiro. A obra libre defendida pola Banda de Música Cultural de Teo foi Libertadores, de Oscar Navarro, e o pasodobre Soñar en Xirimbao, de Ángel Luis Fernández. Mentres que a Banda de Música Municipal de Caldas de Reis optou pola obra Estrasantico de Simón Couceiro, e o pasodobre Bagaxes, de Carlos Rodríguez Torres.

Entrega de premios

Ao rematar o Certame fíxose entrega dos premios ás bandas participantes. Durante este acto estiveron presentes o presidente da FGBMP, Armando Morales, o director xeral de Xuventude da Xunta de Galicia, Ovidio Rodeiro, a concelleira de Santiago e senadora, María Jesús Sáinz, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o Director da Axencia Galega de Industrias Culturais (AGADIC), Jacobo Sutil. Na súa intervención, Morales, pediu ás institucións que axudaran a facilitar a importantísima labor das bandas, agradeceu o apoio da Xunta de Galicia e sobre todo da AGADIC. Así mesmo, solicitou axuda ás institucións para facilitar a xestión das numerosas escolas de música que hai en Galicia e continuidade para o Certame a longo prazo. Sáinz, pola súa banda, destacou que “en Galicia temos grandes bandas, porque temos grandes pobos”. E en último lugar, Valentín García, animou aos pais dos músicos, para que seguiran impulsando a formación musical.

Dende a FGBMP retransmitíronse as dúas xornadas de competición a través das redes sociais, nas que centos de persoas compartiron o seu amor pola música galega. Péchase así un Certame que por oitavo ano consecutivo achegou a música á cidadanía e renovou o seu compromiso coa cultura galega e coa formación de novos músicos.

Deja un comentario