Home EDICIONS NACIONALS GALICIA Iniciados os trámites para cubrir as tres vacantes na Banda Municipal de...

SANTIAGOO Concello ven de iniciar os trámites para cubrir as tres prazas vacantes na Banda Municipal de Música, segundo as indicacións realizadas pola concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra. Os contratos para os intérpretes de oboe, trompa e fagot terán unha duración de tres meses, seguindo a liña do que se ven facendo nos últimos anos para cubrir esas vacantes. Neste tempo, a Concellaría seguirá traballando no novo modelo para a Banda, que pasaría pola incorporación de novos músicos mediante prácticas remuneradas e en colaboración cos centros formativos da cidade.

Branca Novoneyra insistiu en que os problemas de persoal na Banda Municipal de Música, un servizo integrado por funcionarios, están relacionados coa Lei Estatal de Racionalización da Administración Local, que impide a contratación de persoal, mesmo para cubrir as xubilacións. A concelleira de Acción Cultural reitera que “as dificultades ás que se enfronta a Banda son as mesmas que padecen outros departamentos municipais, como a Brigada de Vías que Obras, que está practicamente desmantelada por mor da coñecida como Lei Montoro”. Para a edil, “é fundamental buscar unha solución a longo prazo, porque a Banda é un servizo envellecido no que haberá novas xubilacións nos próximos anos que non se poderán cubrir contratando novo persoal”.

Branca Novoneyra lembra o compromiso do Concello de Santiago coa Banda Municipal de Música, á que se lle dedica unha partida orzamentaria de 1,7 millóns de euros anuais. A esa cifra hai que sumar outros gastos como desprazamentos e montaxes e desmontaxes para os concertos. Cada actuación da Banda Municipal de Música supón un custo de 33.000 euros.

 

Deja un comentario