Home EDICIONS NACIONALS GALICIA Bandas de música silenciadas

2014_07_27_SANTIAGO COMPOSTELAGALICIA ÉCHE unha potencia en música de Bandas. Son unha ventá aberta ao mundo da cultura. Educan o mellor que levamos dentro e fan un labor irrepetible sementando festa e convivencia. Mobilizan centos de músicos, a maioría deles moi novos, e son capítulo importante da riqueza material e inmaterial das vilas. O duro traballo, a disciplina, o silencio e a escoita, a responsabilidade individual na obra colectiva son valores que deberan cotizar na política a carón da xente. Gobernantes proclives á eucaliptización de Galicia, alquitranar pistas e poñer farolas en corredoiras, campos de fútbol sen mocidade, piscinas climatizadas que non poden pagar a auga quente ou ruinosas desmesuras urbanísticas, consideran innecesaria a cultura e adorno prescindible a música. Así nos vai: un país cheo de xente maior, discutindo ideas antigas en casas vellas.

Mentres chegan noticias demoledoras das dificultades da Banda de Compostela, de que a de Burela vén de poñer punto final a 26 anos de historia, as de Lalín e Silleda levan conquistado galardóns nacionais e internacionais e cicelando o nome de Galicia coa mellor música. Pero se o silencio ocupa o lugar dos sons da música, a nosa terra será máis grisenta e triste.

Inútil a cultura? Prescindible a música? É caro manter unha Banda? Con seguridade os gobernos municipales saben que para os concellos é máis custoso o ruído, o vandalismo, o carpe diem, o botellón. Infinitamente máis gravosa é a incultura.

O que está a pasar coa Banda de Burela, que chegou a ter 45 músicos, é triste para a cultura popular e gratuíta. Nos seus concertos mobilizou centos de afeccionados, músicos, amigos, familiares. Promovía unha riqueza que non se mide en euros. Cultivaba e facía mellores aos que tocaba coas súas notas. Pero o concello non atopou a maneira de financiala nos últimos cinco anos. Agora Burela ten un embaixador menos que leve lonxe o seu nome. No País das Paparotas, perde a cultura nun mapa co bandullo cheo de fitos gastronómicos.

Escribe Nuccio Ordine A utilidade do inútil, libro recomendable para todos, tamén para os políticos. “Se non se comprende a utilidade do inútil, a inutilidade do útil, tampouco se comprende a arte”. Non só é útil o que produce euros: útil é o que nos fai mellores. Como a música. Sen ela somos un país sen espíritu que borra o sorriso dos rostros, a felicidade dos adentros.

En Santiago, en Burela, decisións equivocadas apagan a música. Ao mesmo tempo borran unha parcela necesaria de cultura. A que representa a música de Bandas, a beleza que palpita nas prazas en festa, nos auditorios das vilas lonxe dos palcos exquisitos y exclusivos de pago. En Burela perde a música, perde a cultura. Perdemos unha Banda. Perdemos todos.

Deja un comentario