Home CERTAMENES A Banda de Ribadulla vence na sección segunda, e a Banda de...

2013_GALICIAA pasada noite a Banda de Música de Santa Cruz de Ribadulla e a Banda de Música de Vilatuxe proclamáronse gañadoras das seccións segunda e terceira respectivamente do VII Certame Galego de Bandas de Música organizado pola Federación Galega de Bandas de Música Popular (FGBMP) no Auditorio de Galicia. A Banda de Ribadulla, dirixida por José Rodríguez Ramos venceu na sección segunda con 344 puntos, en segundo lugar quedou a Banda de Música Sementeira de Cambre con 340 puntos e completando o podio a Agrupación Musical Atlántida de Matamá con 287 puntos. Pola súa banda, a Banda de Música de Vilatuxe, baixo a batuta de Víctor Manuel Vilariño, resultou gañadora na sección segunda tras acadar 291 puntos, en segunda posición rematou a Agrupación Musical de Belesar con 267 e en terceira a Banda de Música de Solfa con 227 puntos, que ademáis recibiu o premio á interpretación dunha obra de temática galega. As outras bandas que deleitaron ao numeroso público asistente foron na sección segunda as bandas de Arca e Torroso e na terceira a banda de Moaña Airiños do Morrazo e a coruñesa Adagio Cantabile.

O xurado composto por José Iglesias, José Luis Represas, Marta Silva, Xosé Carlos Seráns e José Luis Quintáns, anunciou o seu veredicto xa pasadas ás 24 h tras valorar afinación, sonoridade, interpretación e técnica de cada unha das bandas participantes. As 10 bandas interpretaron un pasodobre, unha obra libre e unha obra de carácter obrigatorio, Espírito Galego de Santiago Quinto para as da segunda sección e Arieñium de José Ignacio Blesa para as da terceira. A obra libre defendida pola Banda de Ribadulla foi The year of the dragon de Philip Sparke e o pasodobre Pusiano de Simón Couceiro. Mentres que a Banda de Vilatuxe, vencedora da sección terceira, optou pola obra de libre elección Belkis, Regina di Saba de Ottorino Respighi e o pasodobre de Faustino del Río, Coruña, Pasodoble Galaico.

Mañá continuará a competición coas cinco bandas que participarán na sección primeira. A xornada arrancará tamén ás 16.00 h. coa actuación da Banda de Música Municipal de Valga, comezando cada unha das actuacións ás horas en punto na seguinte orde: en segundo lugar a Agrupación Musical de Vincios, en terceiro a Banda de Música Municipal de Caldas de Reis, en cuarto a Banda de Música de Salcedo e en último lugar, a Banda de Música Recreativa e Cultural de Bandeira, será ás 20.00 h a última banda que tocará no Auditorio de Galicia nesta edición do Certame. O veredicto do xurado darase a coñecer ás 21.00 h.

Toda a xornada foi retransmitida polas redes sociais, nas que centos de persoas participaron activamente ao longo de todo o día, facilitando que todo aquel que non poidera achegarse ata o Auditorio de Galicia estivera plenamente informado. A FGBMP renova así un ano máis o seu compromiso coa cultura galega, e a función do Certame de Bandas como punto de encontro entre músicos e cidadáns.

Fuente: FGBMP

Deja un comentario