Home EDICIONS INTERNACIONALS HOLANDA 1º premio “World Music Contest de Kerkrade” da Unión Musical de Meaño

meano-kerkradeA Banda Unión Musical de Meaño obtivo o primeiro premio da 1ª sección do Certame Mundial de Bandas de Kerkrade (Holanda), considerado un auténtico mundial de bandas de música e que reúne cada catro anos a unha selección de 200 bandas de todo o mundo.

Competiu en primeira división xunto con 19 formacións de distintas nacionalidades e obtivo trala súa actuación unha puntuación de 96,25 puntos sobre 100. En segundo lugar a Old Harmony Eijsden dos Países Baixos, con 95,75 puntos, e en terceiro lugar Harmonieorkest de Volksgalm de Bélxica con 94,75.

A Banda Unión Musical de Meaño convírtese así na primeira banda galega en facerse con este posto de prestixio mundial. Dita banda, encabezada pola directiva e os 92 compoñentes da agrupación, partiu a terras holandesas o pasado martes 23 de xullo, cargados de ilusión, pero feitos un manoxo de nervios debido á gran responsabilidade que supoñía para estes músicos participar nunha competición bandística de tan alto nivel.

Onte foi o gran día, ás 09:30 h. era o seu turno para demostrar o seu bo facer musical no Certame Mundial de Bandas na cidade de Kerkrade en Holanda.

Así foi, todos os músicos deron o mellor de sí, a pesar de que contaban cun número elevado de menores, fronte a outras bandas onde os compoñentes, a maioría son profesionais.

A agrupación tamén se quixo solidarizar coas vítimas e familiares do accidente ferroviario de Santiago de Compostela. Antes de iniciar a súa actuación, gardaron un minuto de silencio, e adicaron íntegramente este concerto en honor a todas as vítimas e familiares de dito accidente. Como sinal de respeto e mostra de apoio moral, cada músico portou un lazo negro, e expuxéronse as bandeiras de España e Galicia, cada unha con sendos crespóns negros, como símbolo de luto nacional.

Está previsto que regresen a Meaño o martes día 30 de xullo, a última hora da noite onde serán recibidos con toda a alegría e o cariño que merecen.

Fuente: FGMP

Deja un comentario